O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante a entrega dos Premios do Deporte Galego 2016, o papel esencial dos deportistas na difusión dun dos valores que fan grande Galicia: a superación.

 

Nesta liña, referiuse ao club Amfiv, galardoado como mellor equipo de deportistas con discapacidade, que superou a frustración de perder tres finais europea pero que se alzou este ano co título. “Trátase dun ouro merecido e que reafirma o que todos xa sabiamos: que é un equipo de campións”, dixo, destacando tamén, nesa mesma disciplina, a David Mouriz e Agustín Alejos, que en 2016 fixeron historia ao conseguir unha prata paralímpica.

“Tamén é unha campioa a triatleta Susana Rodríguez Gacio que, nos últimos dous anos, conseguiu tres grandes vitorias: campioa de España de tríatlon, campioa do mundo de dúatlon e a primeira galega en licenciarse en Medicina con menos dun 7% de visión”, recordou, ao que engadiu que todos eles exemplifican que, con espírito de superación e forza de vontade, os retos de maiores dimensións poden lograrse.

En relación ao equipo de Hóckey Club Liceo e ao Club Halterofilia Coruña, Feijóo aseverou que son un referente para moitos galegos que queren dedicarse a eses deportes que non sempre saen nos medios de comunicación, como o son tamén a judoka María Bernabeu e o piragüista Cristian Toro.

“Grazas ao exemplo de todos eles, ducias de rapaces compiten, gañan ou perden pero, sobre todo, aprenden cada día practicando disciplinas como o hóckey, o judo, a piragua ou o levantamento de peso”, abundou, destacando o recoñecemento a Irene Blanco, galardoada co premio á mellor deportista revelación “e que promete darlle grandes éxitos á halterofilia galega”.

En relación aos equipos de deporte base que axudan aos rapaces, desde prebenxamín ata xuvenil, a canalizar os seus soños a través do deporte, o titular da Xunta resaltou o premio ao Victoria Club de Fútbol, que o ano pasado formou máis de 500 deportistas nos seus case 30 equipos, en todas as categorías.

“Cada equipo de deporte base, ao igual que cada deportista profesional, ten un sherpa que o axuda a chegar ás máis altas cotas: o seu adestrador. E, hoxe recolle un merecido premio Rosa García, unha figura clave na traxectoria de moitos grandes e pequenos patinadores galegos”, aseverou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para o labor que desempeñan os árbitros, destacando a traxectoria e dedicación do árbitro galardoado Francisco Jorge García.

O presidente da Xunta aseverou, ademais, que o papel inspirador do deporte non sería posible sen o apoio financeiro de patrocinadores como Pescados Rubén; sen o labor informativo, a maior ou menor escala, de medios de comunicación como o xornal O Sil; e sen esa capacidade de atraer multitudes que teñen os grandes eventos deportivos, como La Vuelta Ciclista a España.

E, nese obxectivo de construír unha Galicia máis ambiciosa e tamén máis saudable, resaltou o recoñecemento a tres entidades co Premio Galicia Saudable polo seu labor á hora de promover un estilo de vida activo e san: o Concello de Marín, a empresa de construción Votorantim e o colexio Curros Enríquez de Celanova.

Feijóo concluíu garantindo o compromiso da Xunta co deporte reflectido en medidas de grande importancia, como o seguro deportivo gratuíto para os deportistas federados en idade escolar ou as axudas para os deportistas de alto nivel.

Tokio 2020 presenta de forma oficial a sus mascotas Miraitowa y Someity

Un acto multitudinario en la capital nipona que marca la cuenta atrás para la cita olímpica Miraitowa, la mascota azul, "busca traer esperanza a los corazones de la gente en todo el mundo" Someity, la mascota rosa quiere trasmitir "su fortaleza" a los atletas paralímpicos Los personajes, de...