A quinta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay (CIP), que se celebrará do 4 ao 7 de abril, afonda co seu programa de actividades na procura da imaxinación e a creatividade nos novos formatos dixitais. Ademais da súa competición oficial de webseries, o festival ofrece nesta edición un completo programa de conversas, espectáculos, concertos, encontros e estreas. Nesta programación, toda ela de acceso libre e gratuíto, terán cabida o humor, a educación ou a reflexión. 

Deste xeito, as youtubers Percebes y Grelos e Belena Gaynor participarán no Interplay explicando o éxito nas redes sociais da última edición de Operación Triunfo, na que formaron parte do seu equipo. A súa presenza súmase á de outras creadoras e creadores multidisciplinares de gran popularidade na Internet, como Abi Power, Perra de Satán ou Carlo Padial. Este último, coñecido por filmes como Mi loco Erasmus ou Algo muy gordo, presentará en Carballo o seu novo espectáculo Guasa & Melanco, onde continúa a súa exploración conxunta do humor e a incomodidade. Tamén levará comedia ao Interplay o show de radio en directo Ojo Cuidao, conducido por Víctor Grande e que ten nos sketches, a interacción co público e os invitados especiais os seus ingredientes habituais.

Con todo, a risa non estará no Interplay limitada só a estes espectáculos. O humor atravesa boa parte dos contidos creados polas youtubers que pasarán este ano por Carballo e, sen dúbida, deixarase ver nas conversas que protagonizarán. Así, Abi Power, que vén de aparecer no novo filme de Santiago Segura, debaterá canda Perra de Satán, Belena Gaynor e Teresa Segura sobre como sería un mundo no que os canons de beleza non existisen. Precisamente é habitual que dende as redes se promovan e reivindiquen modelos identitarios alternativos, e outra das charlas do CIP tratará a construción de identidade pública na Internet da man de Percebes y Grelos, Abi Power e Perra de Satán. O programa de conversas complétase cunha mirada ao multimedia e o xornalismo orientado ao público millenial, con profesionais de Tentaciones (El País), Playground, Yasss e Vice España; e cunha charla na que participarán docentes de secundaria que desenvolveron proxectos audiovisuais educativos co seu alumnado.

Abi Power

Abi Power

Ademais das conversas, nas que diferentes personalidades poñerán en común e confrontarán opinións, o CIP ofrece este ano unha serie de encontros máis próximos á idea de conferencia. A maiores do relato de Percebes y Grelos e Belena Gaynor da súa experiencia en OT, o público de Carballo poderá desfrutar de Antes todo esto era mamboo Código Fonte Audiovisual de Carlangas, voz e guitarra de Novedades Carminha. Nel abordará a idea “do turismo como o gran timo deste século”. Pola súa parte, a consultora legal especializada en tecnoloxía NoLegalTechofrecerá unha “pequena guía de supervivencia para adolescentes con móbil”, con consellos para manter o poder sobre a nosa información na rede. Por último, aprenderemos máis sobre o proxecto Youtubeir@s, que promove a creación de contidos para Youtube en galego, escoitando a finalistas da súa primeira edición como Eira Losada ou Nuria Espasandín.

Estreas e concertos

O Interplay acolle este ano a estrea de varios proxectos á marxe da súa competición oficial de webseries. O máis esperado, polo seu estreito vínculo co festival, é probablemente Hai vida en Bran?, a serie gañadora na pasada edición do premio ao mellor proxecto de webserie en galego. Dirixida e protagonizada por Ángela Andrada, esta comedia con tintes dramáticos narra o retorno dunha artista fracasada á casa da súa nai na aburrida vila de Bran. A outra estrea principal, El punto frío, ten tamén un vínculo especial con Galicia. Esta produción de RTVE e Dadá Films para a plataforma PlayZ recupera a lenda da Santa Compaña a través do personaxe dun rapaz obsesionado co paranormal, que chega a un pobo galego convencido de que un fenómeno misterioso está a punto de suceder. Estas estreas súmanse á proxección da webserie saída do Campamento Kamikaze, que se celebrará os días previos ao festival en Razo.

O programa de actividades do CIP complétase con dous concertos. A francesa MounQup, afincada dende hai anos no rural ourensano, protagonizará unha sesión vermú coa súa electrónica á vez poderosa e intimista. Comparada a miúdo con Björk pola potencia e variedade de rexistros da súa voz, vén de gañar o premio Fran Pérez “Narf” da Deputación da Coruña. O concerto de clausura correrá a cargo de IGMIG. Este trío vigués practica unha mestura de estilos bastante insólita: post-punk, rock progresivo, funky, electrónica ou elementos de música clásica combínanse no seu caso baixo o paraugas dun humor delirante. Pechará o festival unha pinchada de Percebes y Grelos DJ.