Lugo será epicentro mundial do deporte como sede do World Pádel Tour

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, o director nacional de World Pádel Tour, Luis Torres, e o xerente do complexo deportivo D10, Leovigildo Real, anunciaron este venres no Salón de Plenos que a cidade lucense será sede da décima edición desta competición internacional, que reunirá do 3 ao 9 de setembro aos deportistas máis destacados na modalidade, en torno a 140 parellas entre a categoría masculina e feminina.

Entre os participantes estarán os números un do ránking mundial, como Fernando Belasteguín, Pablo Lima ou as irmáns Sánchez Alayeto, Mª José e Mª Pilar, equiparables, por exemplo no mundo do tenis, a Rafa Nadal, Roger Federer, Garbiñe Muguruza ou Natasha Zvereva. A pista central da competición será o Pazo Universitario dos Deportes.

 

Méndez subliñou que “Lugo volve a facer historia no deporte” con esta cita, como xa o fixo como sede de etapa da Volta Ciclista a España, os Xogos do Eixo, a Copa Princesa de Baloncesto ou o campionato galego de nivel de natación sincronizada. O evento, relativo ao segundo deporte colectivo máis practicado de España despois do fútbol, con 5 millóns de xogadores, recalcou, terá un “importante retorno económico” para o municipio, estimado polos organizadores en máis de un millóns de euros.

Lugo sitúase con esta cita á altura de grandes cidades españolas e do resto do mundo, como Barcelona, Alacante, Granada, Zaragoza, Lisboa, Bos Aires ou Bastad (Suecia). De feito, a organización seleccionou a Lugo entre tres cidades galegas, destacando as súas instalacións deportivas, “unhas das mellores do país”, dixo Luis Torres, e as súas características patrimoniais.

A Alcaldesa resaltou que Lugo “é un Concello implicado co deporte, que apoia practicamente a totalidade das disciplinas deportivas, e ao que dedica 3M€ ao ano nos Orzamentos”.

Repercusión
O director nacional de World Pádel Tour explicou que este campionato baséase “en tres patas, o deporte, o espectáculo e, sobre todo, a pata social, en tanto que o 38% dos asistentes son mulleres”. Luis Torres aludiu ao retorno económico e turístico do evento, poñendo como exemplo edicións anteriores, nas que entre o 56 e o 28% dos asistentes foron de fóra da cidade sede do torneo.

O World Pádel conta cun canal de televisión propio, con 238.000 espectadores e un 2% de share de media por tour, e retransmisión en streaming, cun millón de conexións.

O director nacional do evento asegurou que Lugo “ten todas as condicións para ser a sede do circuíto mundial en Galicia. Viñemos para quedarnos”.

Audio